blog caliente.

10.6.04

Camões e o dia de Portugal

Luis de Camôes simboliza e compendia toda a historia de Portugal desde os afastados tempos de Afonso Henriques. A batalla de Ourique de Afonso Henriques contra a raíña Teresa (1138) pode considerarse como o feito fundacional de Portugal. Existen algúns historiadores portugueses que prefiren tomar como punto definitivo de partida o duro combate de Aljubarrota -reinado de João I de Avís-, capitaneado por Nuno Alvares Pereira. Agosto de 1385. Garantida para sempre a independencia da nación. Parece demasiado tarde para a epopea de Portugal. Ían transcorridos case tres séculos de dificilísimo camiño. 

Os episodios máis relevantes da grande epopea portuguesa. Teresa e o romance co conde galego Fernán Peres de Traba. A sabedoría do rei Dinís. A raíña imposible que foi Inés de Castro. A conquista de Ceuta. O desastre de Alcazarseguer. A colonización dos arquipélagos de Madeira e Açores. África e a India. O cabo da Boa Esperanza. A lenda do preste João. Personaxes da indubidable categoría do infante Henrique, Bartolomeu Dias, Pero da Covilhã, Vasco da Gama, Albuquerque, Francisco de Almeira, Álvares Cabral... Guimarães, Coímbra, Lisboa. Todo o devir de Portugal está contido e minuciosa e poeticamente referido en Os Lusíadas de Luis de Camôes. Incluídos moitos lances míticos. Vasco navega polo Índico. De pronto, Luso, fillo de Baco, somete polas armas un territorio que acabaría denominándose Lusitania. Lance de Adamastor. O odio relixioso e a traizón. As envexas e as desconfianzas. A hospitalidade portuguesa.

Os vivos cromatismos de Camôes. O orballo, as lágrimas e as flores. Os loiros cabelos, o verdor dos prados, os rumores agudos. O tintineo dos címbalos e o son das trompetas. O ouro, a púrpura e a prata. Banquetes de manxares riquísimos servidos con viños aromáticos en ánforas de diamante. Melódicas voces que profetizan novas conquistas lusitanas. Os numes pagáns acompañan sempre, en contra ou a favor, ós portugueses. 1102 oitavas reais e 8.816 versos. Dez cantos. O discurso que Camôes lle dirixe ó rei Sebastián -oitava 152- ten este texto suplicante: "Facede, señor, que nunca máis poidan dici-los asombrados alemáns, galos, italianos e ingleses, que os portugueses valen máis para obedecer que para mandar''. Tres oitavas despois confesa: "Teño para vos servir un brazo exercitado no manexo das armas. Para vos cantar, unha mente consagrada ás musas... En vós aparecerá retratado Alexandre sen envexa-la gloria de Aquiles''. Nace aquí unha boa parte do 'mesianismo sebastianista' que mantería vivas en Portugal as ansias de independencia ata 1640, coa proclamación de João IV. 


Desde a Eneida de Virxilio non había ningún poema épico nacional. Os Lusíadas deron realidade a un afán compartido de ter un canto de exaltación da patria á altura das súas proezas e fazañas. Os Luísadas é como unha documentada biografía da nación. Un tributo de recoñecemento e de loanza ó eterno Portugal. Porque a exploración da ruta marítima da India representa o epílogo dunha serie ininterrompida de sacrificios. O apoxeo da tenacidade e da valentía lusitanas.


Unha manchea de homes case anónimos nos confíns do universo orbe. Camôes nunca considerou a un home portugués no seu poema. Un heroe único. Camôes viu nel a toda a comunidade humana de Portugal: a Raça.


Desde a República -1910-, o 10 de xuño, aniversario da morte de Camôes, era considerado en Portugal como o 'Día da Raça'. Idea reforzada pola república unitaria e corporativista de 1926. A república do 25 de abril de 1974 declarouno 'Día de Portugal'. Está pendente de ratificación política pola CPLP: Comunidade de Países de Lingua Portuguesa. O recente protagonismo de Timor Leste reforzou as teses da harmonía.


Iniciativa da Sociedade de Geografía de Lisboa, 1964, elaboradora do anteproxecto, con propostas inequívocas de convivencia. A evolución política dos papeis lusófonos impoñía rumbos diferentes. Ultimamente, toma vigor unha tendencia a considera-la lingua e a cultura portuguesas como un elemento de cohesión. Existe un patrimonio portugués espallado por Asia, África e América. 


Coa adhesión de Portugal á UE, o portugués pasou a ser unha das tres linguas obrigadas en varios medios de difusión europeístas. Se, por fin, se logra que Brasil se integre na CPLP, os avances para a consonancia e a concordia lingüística serán importantes. As suspicacias de Brasil son sorprendentes cando Brasil celebra o quinto centenario da chegada de Álvares Cabral. As raíces de Portugal mantéñense latexantes nas antigas colonias do ex imperio. Existe mesmo un curioso proxecto do Gabinete Portugués de Leitura para potencia-la homoxeneidade. A través do libro, as transmisións televisivas e radiofónicas, a música e a prensa. O xornalismo portugués ha considerar "unha conveniente avaliación, incluíndo unha dualidade lingua portuguesa-política de cada país, e considera-lo relativismo cultural presente''.


Non se encontran edicións galegas de Os Lusíadas. Non as hai. Que se saiba, as edicións españolas de Os Luísadas foron seis. Desde a primeira de Luis Gómez de Tapia, baixo o rótulo de La Lusíada, Salamanca, 1580, ata a de Ildefonso Manuel Gil, Madrid, 1955. Nas linguas da península existe unha edición recente de Boreal-Aurora, que o propio cronista prologou. Sobre texto facsímile de Pedro Crasbeeck, Lisboa, 1609. Esta publicación resulta cara e pouco manexable. En todo caso, había que promove-lo achegamento de Camôes e Os Lusíadas ós centros de ensino medio e superior de Galicia. 

Nada máis fermoso que ler uns versos na lingua de Galicia escritos por Camôes. Por exemplo, estes do Canto X, oitava 145: "Non maís, Musa, non máis, que a Lira teño / destemperada e a voz enrouquecida, / e non do canto, mais de ver que veño / canta-la xente xorda e endurecida; / o favor con que máis se acende o enxeño / non o dá a Patria, non, que está metida / no gusto da cobiza e na rudeza / dunha austera, apagada e vil tristeza''. A pretensión de canta-las glorias nacionais quedaba cumprida. Os nautas e mareantes lusitanos quedaron enaltecidos coa maior homenaxe que se lles podía tributar: con Os Lusíadas. 

¡Gloria a Camôes e a Portugal por sempre eternamente!

in Correo Galego

View blog authority